Palabras-crónica

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

30 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai catro anos a Real Academia Galega e a Fundación Barrié veñen propoñendo a través do Portal das Palabras un vocábulo que defina o ano, unha «palabra-etiqueta», por denominala dalgún xeito, ou, se vostedes queren, unha «palabra-crónica», aquela que recolle simbolicamente a significación dos últimos doce meses vividos. Platón dicía que as palabras son a alma das cousas, que nas palabras vive agochada a significación máis profunda do que somos, a nosa maneira de recoñecer e explicar o mundo. A palabra-crónica que propoñemos aos seareiros do Portal concíbese como un xogo participativo no que os internautas dan a súa opinión e, ao mesmo tempo, denuncian ou expoñen situacións, ansias, desexos, eivas ou carencias a compartir coa cidadanía. 

Este ano a palabra elixida é un neoloxismo: deseucaliptización. Un neoloxismo é unha palabra ou expresión que se constrúe dende a lóxica interna do idioma ou que se toma prestada doutra lingua para explicar a realidade, ou determinados aspectos da realidade que o léxico da lingua primeira non ten xeito de denominar. Algúns neoloxismos teñen fortuna e prenden na fala. Outros son efémeros, produtos de modas que pasan. En calquera caso, amosan a vitalidade dun idioma que é quen de dar resposta ás demandas de cada momento: vitalidade do idioma e vitalidade dos falantes, pois son os falantes -non os técnicos- os que elaboran esas propostas.

Xa na edición do pasado ano o neoloxismo eucaliptización (e o verbo eucaliptizar: inzar o país de eucaliptos, ou practicar unha política de explotación masiva desta especie) chegou ás votacións finais da Palabra do Ano. Daquela impúxose a verba patrimonial afouteza, avivada por unha anécdota deportiva circunstancial, mais que axiña colleu pulo polo que significa de forza, autoestima, entusiasmo, vontade de actuar (en positivo). Desta vez as dúas grandes correntes de propostas (ou sensibilidades) que chegaron á final foron a defensa do medio ambiente, a racionalización da nosa política forestal neste aspecto (deseucaliptizar), e a igualdade de xéneros (masculino-feminino) con todo o que iso significa (feminismo, sororidade, apoderamento). No dicionario normativo da RAG temos sororal: propio da irmá, amor de irmá. En calquera caso, unha corrente e outra reflicten dúas grandes liñas de preocupación/reivindicación social que a crónica eleva a noticia, igual que en edicións anteriores outras palabras-crónica definiron axeitadamente a situación: corrupción no ano 2014, refuxiado/a (2015), irmandade (2016) e afouteza (2017). Os problemas ou preocupacións que denuncian seguen vivos, como a lingua que os expresa. De seguro que o profesor Díaz-Fierros, académico da RAG e autoridade probada na materia, explicará bastante mellor ca min o termo deseucaliptización deste ano.